Practicar atletismo desde unha perspectiva federada está ao alcance da inmensa maioría das persoas. As tipoloxías máis dispares podémolas atopar nas súas moitas disciplinas. Este deporte milenario está fundamentado nas habilidades motrices máis básicas do ser humano: desprazamentos, en forma de carreira ou marcha, saltos e lanzamentos, definindo unha das súas principais características: a gran riqueza motriz que atesoura.

A práctica xeral do atletismo supón a adquisición dunha base sólida para a inmensa maioría dos deportes. Neste sentido a diversidade de disciplinas que o compoñen precisa duns altos niveis de condición física, nas súas diferentes manifestacións: forza explosiva, velocidade, resistencia anaeróbica, aeróbica, resistencia á forza rápida, flexibilidade, etc…

A nivel de categorías inferiores, separadamente dos valores intrínsecos asociados á práctica deportiva, compañeirismo, esforzo, respecto, constancia…, permite a consecución de habilidades perceptivo motoras que integran unha parte relevante dos obxectivos da Educación Física e do atletismo nas etapas de formación deportiva, aínda que tamén representan uns prerrequisitos básicos na maioría dos deportes. Por iso é un deporte moi formativo e educativo.

Si desexas federarte no deporte máis olímpico de todos, pensa que podes facelo:

  • Como integrante dun club: O atletismo é un deporte individual pero tamén se realizan competicións por equipos. En Galicia existen en torno a 130 entidades atléticas e seguro que tes algunha preto do teu domicilio. Nesta páxina poderás consultar as súas direccións e as persoas de contacto.
  • Como atleta independente: Neste caso non estarás baixo a disciplina de ningún club, pero poderás participar asemade en todas as competicións, incluídos os Campionatos de Galicia individuais. Terás a túa licenza de atleta federado coa cobertura médica durante todo o ano, idéntica á que posúen o resto de atletas fichados nalgún club.

A Federación Galega de Atletismo desenvolve anualmente preto de 350 competicións oficiais nesta Comunidade Autónoma en diferentes escenarios: pista, campo a través, montaña ou ruta (asfalto).

Ao marxe das lóxicas pretensións de rendemento deportivo tamén poderás desenvolver os teus niveis de saúde. Neste sentido, un adecuado adestramento permitirache alcanzar os teus logros. Por exemplo, a nivel cardiovascular, as carreiras de resistencia serán moi propicias, aínda que deberás complementar a túa preparación con exercicios de forza muscular, mobilidade articular e ata velocidade.

Recomendacións da FGA


A Federación Galega de Atletismo tamén che recomenda:

  • Que te federes, xa sexa no seo dun club ou como atleta independente. Si participas en carreiras de ruta e queres tomar parte nos campionatos de Galicia (milla, 5 km, 10 km, medio maratón ou maratón), non terás que pagar ninguna cota de inscrición.
  • Que te poñas en mans dun adestrador/a titulado/a. Por sorte en Galicia temos un plantel de técnicos de altísimo nivel. Podes consultar os seus nomes e ubicacións nesta páxina web.
  • Que consultes cun médico si tes algunha contraindicación para realizar deporte de competición. A inmensa maioría de persoas poden practicalo. Recoméndoche que fagas este sinxelo test e que sigas as suas indicacións. Ficha médica.
  • Que elixas moi ben as competicións nas que interveñas. A Federación Galega de Atletismo certifícache que todas as probas incluídas na seu calendario son oficiais e polo tanto cos seguros de accidentes deportivos e responsabilidade civil en regra.
  • Que te prepares de forma axeitada para competir e que sigas todas indicacións técnicas que che transmitirá o teu adestrador persoal.
  • Que te coides na alimentación. Unha adecuada inxesta de alimentos e unha correcta hidratación son pezas craves no rendemento dun atleta, tanto para competir como para adestrar.
  • Que te equipes dun material adecuado para practicar a túa especialidade. A elección das zapatillas ten un gran valor pola transcendencia dos apoios.
  • Que escoites ao teu corpo. Sobre todo si es atleta master. Evita os exercicios que te provoquen dor. Vale a pena descansar algúns días que pararte semanas.
  • Que acudas ao médico de cando en vez, en especial para realizar análise de sangue e ouriña, electrocardiogramas, probas de esforzo… que poidan axudar a detectar posibles patoloxías e a reconducir o teu adestramento.
  • En xeral, que goces moito deste gran deporte que se chama atletismo.