Riazor dará acollida o galego indoor Sub10 e Sub12

A pista cuberta do Palacio dos Deportes de Riazor acollerá o vindeiro domingo 10 de marzo unha das competicións máis importantes do calendario autonómico do atletismo galego: o Campionato Xunta de Galicia Sub-10 e Sub-12.

Nas distintas probas está prevista a participación de máis dun milleiro de persoas, entre atletas, adestradores, xuíces, persoal técnico, voluntarios e colaboradores, nunha xornada na que estarán implicados máis de medio cento de clubs e entidades deportivas.

Esta cita, promovida pola Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello da Coruña, supón a volta dos campionatos de atletismo indoor a Riazor case sete anos despois da última proba disputada na cidade. Foi a mediados de marzo do ano 2017, cando o sintético coruñés acolleu a disputa das categorías Sub-10, Sub-12 e Sub-14.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor a recuperación desta gran festa do deporte base na cidade, “que supón un grande aliciente para achegar as rapazas e rapaces ao atletismo, aprendendo, gozando e competindo nun evento que, a bo seguro, tamén servirá para incidir, xa a nivel interxeracional, na importancia do deporte para fomentar hábitos saudables no día a día, unha liña de traballo na que se está a traballar con énfase desde o Concello”.

O concelleiro trasladou, ademais, o seu agradecemento á Federación Galega de Atletismo e, máis en concreto, ao seu presidente, Iván Sanmartín, polo esforzo e colaboración institucional co Concello, que abriu camiño á volta desta proba a Riazor.

Sanmartín destacou que, para a Federación Galega de Atletismo, “este é un dos eventos máis importantes do noso calendario por tratarse dun campionato na que estarán participando as categorías base do noso atletismo. Agradecemos novamente ao Concello da Coruña a súa importante colaboración e apoio no desenvolvemento do mesmo”.

Unha pista ainda moi vixente

Cómpre lembrar que Riazor segue sendo un dos grandes focos do atletismo local, no que os clubs Marineda Atlético, Riazor Coruña, Coruña Comarca e Mochila del Deporte, entre outros, continúan a usar o recinto cuberto como punto central para o desenvolvemeno da súa actividade deportiva. Ademáis de todo isto, a pista cuberta emprégase para dar acollida a competicións oficiais e tamén aos distintos controis federados organizados tanto pola Federación como polos clubs da cidade.

Compartir: