Resultados

O atletismo galego na procura de bos resultados en Ourense

Un total de 36 atletas galegas e galegos tomarán parte esta fin de semana nos Campionatos de España absoluto de pista curta que por terceira vez visitan o sintético ourensán. As exitosas edicións desenvoltas nos anos 2020 e 2022 así como a implicación e colaboración das institucións públicas de Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello ourensán, fará posible recibir todo un auténtico espectáculo polo que se calcula pasen preto de 30.000 persoas nos días de celebración convertindo á cidade de Ourense no centro de atención internacional a nivel mediático e deportivo.

Última oportunidade para tomar parte no Campionato do mundo de PC

Malia que este ano o obxectivo principal para todos os atletas é a consecución dunha marca mínima que lles permita tomar parte nos Xogos Olímpicos de París-24, non é menos certo que a cita internacional previa aos xogos pasa por Glasgow, lugar que acollerá os vindeiros 1 ao 3 de marzo a disputa do Campionato do mundo de pista curta e na que Ourense será a última oportunidade para poder acudir.

Belén Tomil, Ana Peleteiro, Adrian Ben e Saleta Fernández parten como favoritos a podio

A priori o atletismo galego contará con importantes actuacións nesta edición, cada unha das cales con obxectivos e metas distintas e variados. A nivel de medallas,  unha das bazas máis importantes centranse nas actuacións da olímpica Belén Toimil en peso, cuxo claro liderato no ranking estatal fan dela a clara aspirante a revalidar o título logrado nas tres últimas edicións. Xunto ela, a tamén internacional e campioa de España Sub23 Xiana Lago do Ría Ferrol, estará competindo por estar nos postos de finalista sobre o mesmo concurso.

No concurso de triplo, o regreso da bronce olímpica Ana Peleteiro, será sen lugar a dúbidas unha das atraccións desta edición xa que a súa regular actuación por encima dos 14.00 m. e a motivación extra de competir en casa, fai presaxiar un vibrante concurso. Bo momento para recuperar sensacións para a barquense e campioa de España en lonxitude no 2019 Leticia Gil, quen diante do seu público intentará mellorar a marca anual 6.04 m. Sen abandoar o foso tanto os campións galegos absolutos Alex Barreiro do Lucus Caixa Rural en triplo como Sergio Coello da Gimnástica en lonxitude, competirán por estar por encima das súas MMP de 15.22 m. e de 7.38 m. respectivamente logrados este mesmo ano.

Non menos importante será a participación de Saleta Fernández no concurso de altura cuxo ano está sendo positivo. A de Monforte ven de saltar 1.84 m. que a sitúan como favorita para revalidar o título logrado fai dous anos nas mesmas instalacións cubertas.

A local Manuela Blanco do Ourense Atletismo será a máis nova das participantes sobre o concurso de pértega, fixándose como obxectivo o aprender na alta competición e estar intentado unha mellora persoal sobre os 3.80 m.

Adrián Ben é outra das bazas de medalla sobre a proba dos 800 m. Á presenza de Mariano García e Mohamed Attaoui intentará ser contrarestada polo de Viviero co récord galego de 1:46.06 establecido recentemente. Nesta mesma proba Pedro Ossorio do Atletismo Santiago con 1:49.73, ten moitas opcións de estar na final estando pendentes do que poida facer o internacional e finalista no 2023 Elian Numa López nas semifinias ás que se achega con 1:51.82. María Fernández, será a nosa representante na categoría feminina contando cunha excelente oportunidade de mellorar os 2:13.04 logrados este ano.

Once atletas serán os que compitan sobre as distancias dos 1.500 m. e dos 3.000 m.  Nas mesmas destaca a participación do campión galego nos 1.500 m. Pablo Bocelo da Gimnástica quen recentemente baixaba dos 3:50 sitúandoo en disposición de entrar na final. A maiores, estarán tomando parte a campioa galega absoluta Eva Piñel do Celta xunto a Amparo Corredoira da At. Lucense e Sabela Martínez da Gimnástica. En homes, serán  Hassan Izzadine e Hugo García do At. Portugalete os que tomen a saída sobre a distancia.

Nos 3.000 m. a campioa galega absoluta Laura Santos do Playas de Castellón en contínua progresión, sitúase nos postos top da lista de participantes cun rexistro de 9:15.17 (MMP). A subcampioa de España Sub23 Ines Docampo do ADAS CUPA e Uxía Pérez do Celta loitarán por postos de finalistas. Nos homes nova oportunidade para o campión galego absoluto Mehdi El Nabaoui do At. Santiago de poñer en valor as súas excelentes cualidades que siguen agardando por un pasaporte co cal subir ao podio. Carlos Porto da Gimnástica pola súa banda, aproveitará a oportunidade para mellorar a sua MMT de 8:12.56 e estar na final como xa fixera o ano pasado.

Os valos contarán tamén cunha importante presenza galega. O subcampión de España Sub23 Hugo Vázquez do Marineda terá unha excelente oportunidade para rebaixar a súa MMP de 7.97 lograda este mesmo ano que o poderían levar a finalísima da proba. Xunto ao coruñés, estarán tamén participando Santi Rozas do Lucus, Joao Alexandre Riveiro da Gimnástica, e David Vicente do Playas Castellón.

Nos valos femininos contaremos ca presenza da campioa galega Claudia Rojo do club Piálagos quen tentará conseguir o pase á final como xa fixera o ano pasado.

A velocidade galega terá na línea de saída ao recente plusmarquista galego dos 400 m. PC con 47.67 Jacobo Soler, cuxo excelente estado de forma fai agardar unha posible mellora dese rexistro. Jorge Román Leiros do Celta con 48.07, quen tamén figura inscrito nos 200 m., e Alexis Miguens da Gimnástica con 48.08, aproveitarán este campionato para rebaixar os seus rexistros.

O medallista de bronce do pasado galego absoluto Ricardo Cortizo do Celta pola súa banda, tomará parte na proba do dobre hectómetro na procura de rebaixar a súa MMP de  21.81.

Na categoría feminina estarán presentes as campioas galegas dos 60 m. Cristina Garrido da Gimnástica e a dos 200 m. Andrea Pais do At.Alcorcón cas vistas postas en chegar o máis lonxe posible nun campionato, no que o factor pista pode beneficiar a ambas na mellora dos seus rexistros.

Sobre o concurso de combinadas, o internacional venezolano con ficha galega Gerson Vidal Izaguirre clasificado terceiro o ano pasado (pero fora de concurso) achégase ca terceira mellor marca dos participantes de 5.644 puntos,  sendo a Sub23 Andrea Reija do Xuncas Diversia a que figure inscrita no pentatlón co obxectivo de mellorar o 13º posto do 2023.

 

 

Compartir: