Resultados

O atletismo galego recibe un importante legado documental e histórico.

Fai uns días recibíamos un fantástico agasallo de nadal na Federación Galega de Atletismo. Trátase de seis caixas de documentación do atletismo coruñés cuxas datas abranguen os anos de 1917 ata os anos sesenta.

A documentación recolle a gran cantidade de apuntes, recortes de prensa,  anotacións e cadernos que acumulaba Gonzalo Carré Alvarellos (A Coruña, 1891-1983), importante impulsor e pioneiro do atletismo na cidade da Coruña.

Historia

Na primeira década do século pasado acontecían os primeiros xogos de atletismo na cidade herculina promovidos por un xóven entusiasta que grazas á librería dos seus pais, a librería La Regional -impulsora do Rexionalismo galego e berce do que hoxe é a prestixiosa editorial Alvarellos– tiña acceso a todos as revistas que sobre atletismo se publicaban, especialmente inglesas e francesas,  e que chegaban á libraría.

Cunha entusiasta entrega e paixón por este deporte, comezaba adentrándose no mesmo primero desde a súa práctica activa, que o levaría a ser campión galego e medallista nas modalidades de peso, xavelina e triplo nas primeiras edicións de finais dos anos dez e principios dos vinte. Con posterioridade continuaría vencellado ao atletismo como estudioso e como vicepresidente da federación coruñesa de atletismo na que estaría ata os anos sesenta.

Expreso agradecemento

Todo este gran legado que xa forma parte dos arquivos do noso deporte, foi entregado por un dos seus netos Ricardo Carré (na foto) a quen agradecemos fondamente a súa importantísima e desinteresada doazón.

Vida Atlética. Gonzalo Carré, el Pionero (Emilio Navaza)

Compartir: