Resultados en directo

Seis metais para Galicia no absoluto de Torrent

Excelente campionato de España absoluto desenvolto esta pasada fin de semana polos representantes galegos e galegas que voltarían de Torrent cun total de seis medallas, sete postos de finalistas e un récord galego absoluto.

Tres medallas de ouro, dous de prata e un bronce

O máis salientable estivo nas actuacións protagonizadas por Belén Toimil, Adrián Ben e Ana Peleteiro logo de lograr impoñere nas súas probas e acadar os títulos de campións de España.

No concurso de lanzamento de peso a principal e clara favorita ao título, Belén Toimil lograba revalidar o seu campionato nacional ao lanzar xa no primeiro intento ata os 17.89 m. co que aventaxaba en máis de dous metros e medio a segunda clasificada.

O campión de Europa en pista cuberta Adrian Ben pola súa banda, nunha emocionantísima carreira e remontando desde atrás, lograba impoñerse na final dos 800 m. logrando un excelente rexistro de 1:45.01 que supoñen un récord do campionato. Con esta novo metal afianza a súa excelente tempada que lle permitirá encarar da mellor maneira posible o próximo mundial de Budapest.

No triplo salto, nova demostración de calidade da bronce olímpica Ana Peleteiro ao lograr o título nacional nunha emocioante disputa con María Vicente á que aventaxaría por tan só un centímetro. Lembramos que a de Barbanza, que recentemente foi nai, está a protagonizar unha extraordinaria reaparición na alta competición que a podería levar ata os mundiais de Budapest.

Na xavelina extraordinario concurso de Carmen Sánchez,  logrando o subcampionato de España e cedendo tan só ante a favorita Arantza Moreno. A pupila de Necho Fernández lograba no seu segundo intento un mellor lanzamento de 54.24 que representan unha MMP.

No sector de marcha novamente Antía Chamosa da Gimnástica, xa instalada definitivamente na elite nacional, amosaba a súa excelente calidade na proba dos 10.000 m. na que conseguía sumar un subcampionato de España cun rexistro de 45:39.65. Suma e segue para Antía quen xa prepara a cita mundialista de Budapest.

A última das medallas foi o lograda pola sempre loitadora Ester Navarrete a quen novamente poidemos ver en todo un podio nacional. A atleta internacional do Celta sempre estivo nos postos de cabeza da proba, cedendo finalmente cun rexistro de 16:45.15  ante as especialistas Marta García e Cristina Ruíz primeira e segunda clasificada.

No resto de actuacións cabe destacar o posto de finalista logrado por un formidable Jacobo Soler nos 400 m. ao rematar na oitava posición, non sen antes, lograr unha das mellores marcas galegas da distancia con 47.00.

Claudia Rojo pola súa banda, foi outra as galegas destacadas en Torrent, xa que o seu rexistro en semifinaisde 59.14 supuxo un novo récord galego absoluto da distancia e un billete directo á final onde remataba sétima con 59.25.  Na marcha o campión galego absoluto Dani Chamosa da Gimnástica, lograba a sexta posición na proba dos 10.000 marcha cunha MMT de 42:14.08.

No sector dos saltos, Saleta Fernández andivo sobre a súa marca do ano de 1.80 m. que lle servían a campioa de España de pista cuberta para rematar a proba nunha quinta posición. A medallista nacional Sub23 de lonxitude Olaia Gisela Becerril do Celta, marchaba no seu último salto ata os 6.22 m. que a levaban ata a sétima posición dun accidentado concurso.

Destacado foi tamén o comportamento da atleta do Xuncas Diversia Andrea Reija logo de pasar por vez primeira en cinco puntos da barreira dos “cincomil” o que lle permitían rematar na oitava posición do Campionato de España.

Para rematar no apartado de relevos, título nacional para o conxunto do Playas de Castellón dos 4×100 m. con 39.94 do que formba parte o internacional coruñés Mauro Triana.

Foto RFEA

Compartir: