Resultados en directo

A selección galega de Trail Running madura en Navarra

A nosa selección galega de Trail Running competiu no día de hoxe no Campionato de España de Federacións Autonómicas que se disputou na localidade navarra de Lerín.

Baixo un clima máis propio do verán que destas datas, a carreira daba comezo 9:30 horas sobre un trazado duro e esixente de 27 km. que contou cun desnivel de 1.400 m. e que deixaba ao longo da carreira, múltiples abandonos.

Melloráronse os resultados do ano pasado

Na categoría feminina as nosas representantes chegaban por seleccións na novena posición cunha Inés Ramos como a mellor das galegas ocupando o posto 38º cun tempo de 3h.20:50. Beatriz Barroso con feridas nun pé ocupaba a posición 39º seguida polo bronce autonómico Carla Trillo no 47º. Patricia Varela no posto 48º da xeral e a subcampioa galega Verónica Calvo no posto 49º completaban as posicións do combinado autonómico. Con esta clasificación a selección galega feminina mellora o décimo posto colleitado o ano pasado en Catalunya.

Pola súa contra, mala sorte para o combinado masculino xa que o campión galego absoluto, Pablo Camascasse, que marchaba nos postos top10 da cabeza da carreira, resultaba descualificado xunto a boa parte do equipo de Euskadi, polo desvío orixinado polas indicacións dun dos voluntarios da carreira quen confundíndose de trazado, enviaba a varios atletas por fora do circuito. Deste modo o mellor dos galegos foi Rubén Insúa que entraba no posto 37º cun rexistro de 2h.37:27. Xunto ao medallista de bronce no pasado campionato de Galicia, cruzaban a línea de meta Manuel Piñeiro no 43º e Roberto Tuñas no 49ª efectuando unha carreira  na que irían de menos a máis. Mala sorte tamén para o subcampión galego Amador Pena ao correr boa parte da proba lesioado, e onde lonxe de abandoar, optaba por rematar e completar este campionato.

Excelentes sensacións de presente e futuro

Para o responsable do sector da FGA Iván Sangiao, as valoracións son enormemente positivas tanto polo compromiso, como pola capacidade competitiva e a actitude amosada pola selección galega.   ¨Voltamos tremendamente satisfeitos e satisfeitas malia que ca agridoce sensación  de saber que a inxusta descualificación privounos de estar entre os dez primeiros da carreira masculina¨  Con todo elo, o responsable do sector xa pensa nos seguintes proxectos e retos dunha modalidade moi nova no noso atletismo (a última en chegar)  que conta cun enorme potencial e que ¨dará moito que falar nos seguintes anos¨

Compartir: