Resultados

Trío de metais no nacional Sub18 de pista cuberta

Un total de tres medallas e sete postos de finalistas foi o balance para os intereses galegos do Campionato de España Sub18 de pista cuberta disputado esta fin de semana na cidade de Salamanca.

Foron en concreto as probas de medio fondo e fondo as que deron un maior rendemento ás nosas e nosos representantes e na que novamente a proba dos 3.000 resultou determinante.

A actuación máis salientable nesa proba correspondería á atleta internacional lucense Xela Martínez quen como era de agardar, non tivo rivais na mesma proclamándose campioa de España cunha diferencia de vinte segundos e un crono oficial de 9:39.58.

Outra das medallas colleitadas sobre esta mesma distancia chegaba da man do tamén lucense do Lucus Caixa Rural Teo de Frutos quen confirmando a súa excelente progresión conseguía entrar na línea de meta na terceira posición cun rexistro oficial de 8:39.19. O trío destacado de lucenses foi completado por Miguel Alvariño da Escola Atlética o cal remataba nun excelente cuarto posto na final con 8:43.68.

Por último tamén resultou moi notorio o campionato desenvolto polo coruñés Daniel Salgueiro do Coruña Comarca quen logo de acceder á final por tempos, lograba na mesma un excelente bronce nacional cun tempo de 1:54.86 (MMP) no seu primeiro ano como Sub18.

A maiores resultarón tamén moi destacados os postos de finalistas logrados por Celia Castro do A.A. Mazí, 4ª nos 800 m  con 2:17.66; Alejandro Villaverde da Gimnástica, 4º en pértega con 4.11; Fabian Vidal do Barbanza, 6º nos 400 m. con 50:52; Amparo Corredoira da Atlética Lucense 7ª nos 1.500 m. con 4:49.43; Gema Dacosta do Vila de Cangas, 8ª en peso con 12,89 m. e Matías Moldes da Gimnástica, 8º no concurso de  combinadas de heptatlón cunha puntuación total de 4.457 puntos

Foto RFEA

Compartir: