Resultados en directo

Quince equipos tomarán parte no X Trofeo ABANCA de pista cuberta

Como cada ano a gran cita das categorías de promoción do noso deporte en pista cuberta, o Trofeo ABANCA, regresará ao sintético de Expourense o vindeiro día 11 de decembro en xornada de mañá e tarde.

Desta vez son un total de quince equipos os que tomarán parte nesta auténtica festa do atletismo base, baixo a atenta mirada dun importante número de adestradoras e técnicos quenes estarán atendendo e acompañando aos preto de medio milleiro de atletas inscritas e inscritos das categorías Sub10, Sub12 e Sub14.

Nesta décima edición foron as entidades do ADAS CUPA e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra as que lograban a súa clasificación no total das seis categorías posibles, destacando de igual modo aos equipos da Atlética Lucense, Club Atletismo Sada, Club Atletismo Narón e Club Deportivo la Purísima con cinco equipos clasificados.

As probas oficiais nas que se tomará parte en función das distintas idades serán:

  • Categoría Sub10: 50 m., 500 m.; 1.000 m.; altura, lonxitude e peso
  • Categoría Sub12: 60 m., 500 m.; 1.000 m.; altura, lonxitude e peso
  • Categoría Sub14: 60 m., 500 m.; 1.000 m.; 2.000 m.; 60 valos, altura, pértega, lonxitude, triplo e peso

Aprendizaxe e promoción

O Trofeo de pista cuberta ABANCA ten como filosofía a promoción e a aprendizaxe da actividade atlética entre as categorías máis inferiores do atletismo galego, sendo un dos seus obxectivos o fomento dos valores fundamentais do deporte a través dun sistema de competición por equipos no que se misturan os resultados colectivos sobre a base dos individuais.

O Vila de Cangas, o máis laureado

Ao longo destas nove edicións disputadas, das que tan só se deixou de celebrar no 2020 pola situación pandémica existente, o club que máis triunfos suma  é o Atletismo Vila de Cangas cun total de dez títulos, seguido polo Ourense Atletismo con oito, ADAS CUPA con seis e Atletismo Sada con tres.

Compartir: