Jorge Blanco recibirá a Placa Juan Sastre o vindeiro 29 de outubro

Como xa anunciamos no seu día nas distintas RRSS, o vindeiro sábado 29 de outubro a partir das 21:00 horas no hotel Attica21 da Coruña, entregarase a Placa Juan Xastre ao Xuíz galego nivel 3 Jorge Blanco Chao.

Esta placa representa a máxima distinción que outorga a Real Federación Española de Atletismo e o seu Comité Nacional de Xuíces, sendo a súa finalidade a de distinguir anualmente á Xuiza ou Xuíz que máis destaque polo seu interese, continuidade, constancia, achegas e amor ao Atletismo.

Desde a súa creación no ano 1970 tan só otro xuíz galego, Ramón Docal no ano 1993, foi distinguido con este recoñecemento.

Presenza das máximas instancias do atletismo

No acto de entrega estarán o presidente da Real Federación Española de Atletismo Raúl Chapado, o Presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos, a Xunta Directiva do Comité Nacional de Xuíces, os presidentes dos Comités Autonómicos de Xuíces de Atletismo, membros da Xunta Directiva do Comité Galego de Xuíces e membros da Xunta Directiva da Federación Galega de Atletismo e representantes do Concello da Coruña entre outros.

Perfil de Jorge Blanco

Jorge Blanco ( A Coruña, 1952) comezou a súa andaina como Xuíz de atletismo no ano 1982 alcanzando a categoría de Xuíz Nacional (actual Nivel 2) en 1987 e a categoría de Xuíz Árbitro (actual Nivel 3) en 1991 sendo o número 1 da promoción. Ademais obtivo tamén a categoría de Xuíz Árbitro Nacional en 2003 (actualmente non existe esta categoría). Durante todo este tempo actuou en preto de 2.000 competicións autonómicas, tanto en pista ao aire libre, pista cuberta, campo a través, ruta, marcha ou trail, desempeñando todo tipo de cargos e funcións.

A maiores tomou parte en máis de 40 Campionatos de España e Mitings Nacionais como Xuíz Árbitro, Xurado de Apelación, Director Técnico, Director de Reunión ou Xuíz Xefe de Marcha.

En canto a probas internacionais destacamos os XX.OO de Barcelona-92, a Copa do Mundo Barcelona 1989, Campionato do Mundo de Pista Cuberta Sevilla 1991, Copa do Mundo de Maratón San Sebastián 1993, Copa Europa de Marcha A Coruña 1996, Universiada Palma Mallorca 1999, Campionato do Mundo Sevilla 1999, Copa do Mundo Madrid 2002, Campionato de Europa de Pista Cuberta Madrid 2005, Copa do Mundo de Marcha A Coruña 2006, Copa de Europa de Nacións Málaga 2006, Campionato Europa Barcelona 2010, Campionato Mundo Campo Través Punta Sombría 2011, Campionato Mundo Junior Barcelona 2012, Campionato Europa Master Madrid 2018.

Ademais dos seus labores como xuíz de atletismo, tamén é membro do Panel da World Athletics de Homologadores de Circuítos (grao A) desde o ano 2000, e membro dos paneis nacionais “A” de Marcha e Dirección Técnica. Realizou máis de 100 homologacións de circuítos e infinidade de Maratóns que se celebran en España así como no circuíto de Marcha da Coruña onde se bateu o récord do mundo en 2015. Asistiu a máis de 30 seminarios de carácter nacional de saídas, marcha, fotofinish, dirección técnica, homologación de circuítos, oficiais directivos e regulamentación internacional, tomando parte como relator en máis de 50 seminarios autonómicos de formación de xuíces asi como en seminarios nacionais de circuítos de ruta e regulamentación.

Colaborou na formación de xuíces do Comité Galego e Monitores e Adestradores de Atletismo, sendo membro da Xunta Directiva do Comité Galego de Xuíces desde o ano 2000, e presidente do Comité Galego de Xuíces de 2005 a 2006. Viaxou coa selección española ao Campionato 6 nacións de pista cuberta en Francia 1992, ao Campionato de Europa Sub23 en Amsterdan 2001, á Copa de Europa de Marcha en Leamington 2007 e ao Campionato do Mundo de Marcha en Muscat 2022.

Durante a súa dilatada vida atlética recibiu o Premio RFEA ao mellor xuíz en 2011, o Premio Deporte Galego ao Mellor Árbitro en 2011, a Placa Ramón Docal do Comité Galego de Xuíces en 2017, colaborando noutros ámbitos do atletismo na realización de publicacións e artigos técnicos

Colaborador habitual desde hai 15 anos do Concello da Coruña para o deseño, organización e dirección de montaxe en diversas probas de ruta oteiro do calendario local, autonómico, nacional e internacional; Deseñador da señaléctica do Campionato do Mundo de Atletismo de 1999 en Sevilla; Membro fundador da AEEA (Asociación Española de Estatísticos de Atletismo); Deseñador de circuítos de ruta e campo a través para variados Campionatos e eventos galegos, nacionais e internacionais

Compartir: