O Palau Velódromo Luis Puig de Valencia acollerá durante os días 13 e 14 desta fin de semana a disputa do Campionato de España Sub23 de Pista Cuberta onde contaremos con participación galega.
As restricións en canto ao número de participantes, fixo que das dazasete galegas e galegos inscritos orixinariamente tan só fosen admitidos a tomar parte nesta cita finalmente un total de once, entre os que destaca a presenza da atleta internacional e campioa de España no nacional Sub23 de aire libre do ano pasado Eva Queimaño do Super Amara BAT quen estará na loita polas medallas. Outra das célticas presentes será Andrea Pais na proba dos 200 m. quen xa fora finalista no nacional de aire libre do ano pasado así como a subcampioa galega absoluta dos 60 m. Cristina Garrido da Gimnástica. Seguindo ca velocidade o sadense Kristian Krasnov intentará rebaixar a súa mellor marca sobre 400 m. de 49.76 para loitar polos pòstos de finalistas como xa acontecera sendo Sub20.
Nos valos contaremos ca participación da campioa galega absoluta Lucía Ferrer da Gimnástica e a do tamén campión de Galicia Sub23 Santiago Rozas do Lucus Caixa Rural, ambos na procura de acceder á postos de final .
Nos 800 m. e ante a importante ausencia do internacional subcampión de España, Elian Numa quen mancaría no pé no pasado meeting de Barcelona, será o seu compañeiro de adestramentos e club Lucas Fernández do Coruña Comarca quen intentará mellorar o posto de finalista que xa alcanzara no nacional de aire libre do ano pasado en Sevilla.
No foso de área presenza de atletas do Celta onde o debutante na categoría Sergio Coello tomará parte na lonxitude na procura de mellorar os 6.80 m. que acredita. Por último no triplo tanto o subcampión galego absoluto Pablo Saa como a subcampioa galega Sub23 Uxía Paz loitarán por entrar na final do sempre complicado concurso. Atención a presenza do lucense do Lugorunning e campión galego Sub23 Alexander Barreiro quen figura ca terceira mellor marca dos participantes na proba de triplo con 15.08 m. (aire libre)
As probas que se desenvolverán entre o sábado (10:30 a 19:00 horas) e domingo (10:00 a 19:15 horas), serán ofrecidas por streaming a través da plataforma de LaLigaSportsTV.
Medidas de seguridade estritas
O evento, que contará con estritas medidas sanitarias e de prevención contra o COVID-19 desenvolverase sen asistencia de público e só accederán as persoas previamente acreditadas, que deberán pasar un test de detección de antígenos do COVID-19. Os Servizos Médicos da RFEA encargaranse da realización das probas.
Os resultados comunicaranse de maneira individualizada na propia instalación nun prazo aproximado de 15 minutos tras a toma de mostra e o resultado negativo permitirá a recollida da acreditación.
Foto de portada. La Región de Ourense