Extraordinario balance no nacional Máster

Importante Campionato de España Máster o vivido durante esta fin de semana polas/os nosos/as atletas na localidade valenciana de Sagunto.

A expedición voltaría de terras levantinas cun total de 6 récords galegos, un récord mundial, 22 medallas de ouro, 24 de prata e 14 de bronce, o que supera notoriamente o balance global de 40 medallas acadadas na edición do ano pasado en Vitoria-Gasteiz.

Sen lugar a dúbidas, e como xa informamos, sería o récord mundial de Pepín Rioseco o máis notorio deste certame, xa que o atleta Máster 75 do Egovarros de Viveiro, pararía o crono nos 2000 obstáculos nun tempo oficial de 8:29.26 mellorando en máis de 16 segundos a anterior plusmarca mundial. A maiores lograría o título nacional sobre os 800 m. proba esta última, na que de igual modo ostenta o récord mundial da súa categoría.

No resto de actuacións salientamos os títulos nacionais logrados por Emilia Mesa do Ourense Atletismo na categoría na F65 nos lanzamentos de peso, disco e xavelina. Esther Pedrosa na F55 pola súa banda lograría os triunfos nos 800 m. e 1.500 m.;  Pilar Márquiz do C.A.Sada na F65 nos 800 m. e 1.500 m.; José Miguel López Cordal na M60 do Marineda A. nos 100 v. e 300 v. e Luz Sanmartín na M65 do Egovarros nos 200 m. e 400 m.

A maiores estableceríanse novos récords galegos  a cargo de Ana María Abuín de A Silva na F55 en martelo con 29.83 m.; Miguel López Cordal na M60 do Marineda A. nos 100 valos con 16.89; Rosario Sureda do Lucus CRG na F55 en altura con 1.41 m. e os equipos de relevos 4×100 do C.A. Sada na F60 con 1:16.89 e do Samertolameu na F40 con 55.92.

Resultados

Resumo da actuación galega

Compartir: