Resultados

Última e decisiva xornada de Liga en Honra e Primeira

Logo de dúas xornadas disputadas correspondentes as ligas de Honra e 1ª División, achégase o momento decisivo para os clubs galegos que compiten nas fases de permanencia.

A diferencia das anteriores xornadas,  neste último e trascendente encontro o sistema de competición dispútase con oito equipos a un atleta por proba, perdendo a categoría os dous últimos equipos clasificados. Todo elo obrigará a amarrar ben cada proba e cada punto, xa que deixar unha proba sen sumar pode ser amargamente determinante.

Obxectivos asequibles para Ría e Gimnástica en Honra

Na máxima categoría nacional as aspiracións dos conxuntos galegos pasan pola permanencia un ano máis na elite nacional, así os homes da Gimnástica de Pontevedra viaxarán ata o estadio cordobés de El Fontanar para medirse nun encontro onde parten con tres puntos e na que por diante deles tan só terán ó Unicaja Atletismo e o Grupompleo Pamplona.

O equipo feminino do Ría Ferrol competirá no seu octagonal de permanencia no Polideportivo de Aluche de Madrid onde se achega con catro puntos. Moi mal lle terían que saír as cousas as departamentais para ter problemas, xa que a priori o Avinent Manresa e as madrileñas do A.D.Martahon que compiten na súa casa, parecen ser superiores.

O Naron tentará amarrar a categoría na Primeira División

Xa na Primeira División masculina os dous equipos galegos estarán no grupo de permanencia e na que o Real Club Celta, logo de non terse clasificado para o grupo de ascenso, parte como favorito para acadar a victoria deste octogonal que terá como sede as pistas santanderinas de Ruth Beitia.

Algo menos relaxado estará o Atletismo Narón quen con tres puntos e catro formacións tras del, parte nunha boa posición para manter a permanencia un ano máis e sumar unha nova tempada na divisón plata do atletismo.

Na categoría feminina veremos competir ás rapazas do Atletismo Feminino Celta nas pistas vallisoletanas do Río Esgueva as cales estarán de novo na loita no grupo de ascenso. O obxectivo será disfrutar desta fase e intentar mellorar a sexta posición lograda o ano pasado en Alcorcón.

Pola súa banda o tamén equipo feminino da Gimnástica de Pontevedra viaxará ata Valencia para tomar parte no seu encontro de permanencia e onde acude nunha cómoda segunda posición con 4 puntos, superadas tan só polo A.D. Sprint.

Segunda división

Pola súa banda nas fases de ascenso de segunda a primeira división, contaremos ca participación de dous clubs galegos. O formato de competición fai que ascendan a primeira os dous primeiros conxuntos dun octogonal composto por equipos clasificados previamente por estadillo. Con esta premisa, ata Soria viaxará na categoría feminina o ADAS Proinor quen ocupa por marcas o quinto posto das participantes malia que haberá que ver en acción as de Valdeorras nun sistema competitivo onde nada está decidido de antemán.

Na categoría masculina teremos ós homes do Club Atletismo Santiago quenes viaxan repletos de motivación. Os seus excelentes resultados colleitados na súa curta historia, e que os levaría o podiu nas dúas últimas citas do galego de clubs, fará que acudan a terras vallisoletanas sabedores das súas limitacións pero decididos a dar todo de si.

Foto Liga de Clubs 2019 cortesía de “Ollodexan”.

Compartir: