Emoción e calidade no arranque das Ligas

Arrincarían esta fin de semana os importantes compromisos ligueiros para os equipos galegos tanto na División de Honra como na Primeira División da liga nacional.

Para comezar o sábado enfrontaríanse tanto o Ría Ferrol na categoría feminina como a Sociedad Gimnastica na masculina nas súas citas sobre a máxima categoría de Honra. Neste primeiro encontro, as ferrolás colleitarían un bo terceiro lugar que dominaría o claro favorito do Playas de Castellón, seguido polo anfitrión do Pamplona Atlético. As departamentais superarían por seis puntos ó seu “rival directo”, o Unicaja Jaén completando unha boa xornada.

Por parte das galegas, conseguirían primeiros postos  Andrea Michel Purica nos 100 m., Paula Ferreiros nos  400 m. (MMP), Elena Llobera en lonxitude e o equipo de  relevos  4×400 m. Salientables tamén os segundos postos de Atteneri Tur nos 3000 m., Paulette Natacha nos 400 v . Sofía Fernández nos 3000 obstáculos  e o relevo de 4×100. Por último Irene Bonafonte nos 800 m., Lucía Ribadulla nos 400 v. e Ivanna Carolina Román en xavelina, rematarían as súas probas nun bo terceiro lugar.

Con este resultado o Ría ubícase no décimo primeiro posto da clasificación con dous puntos xunto o Marathon, L´Hospitalet e Cueva de Nerja

Seguindo ca división de Honra pero da categoría masculina, encontro moi complicado o que disputarían os pontevedreses da Gimnástica que non puideron evitar o cuarto lugar no seu desprazamento a Soria. O triunfo por equipos foi para a Real Sociedad 194,5 puntos, seguido do Alcampo Scorpio71 con 172 p., Atletismo Numantino con 163 e Gimnástica con 157,5 p.

As victorias parciais foron da man de Inaki Cañal sobre os 200 m. e Ignacio Sarmiento nos 400 v, correspondendo os segundos postos para Francisco López nos 110 v., José Alfonso Palomanes en triplo, Víctor Gallego en peso, Sergio Paredes en martelo, Raúl Joaquín Pagán en xavelina e Dani Chamosa en 5.000 marcha. Completarían zona de podio no terceiro lugar Jaime Cañas en marcha, Raúl Cortizo en altura e o equipo de relevos 4×400 m.

Ca súa actuación a Gimnástica ocupa o décimo terceiro lugar empatada a puntos con CD Surco Aventura, Atlético Salamanca e Elche Decathlon.

Primeira División

Na primeira división nacional serían catro os conxuntos que tomarían parte nesta fase na que os Celtas, Gimnástica e Atletismo Narón obtiveron resultados dispares.

Para comezar, bo comportamento do Atletismo Feminino Celta no encontro disputado nas pistas do CGTD onde tamén tomaban parte a locais da Gimnástica. As viguesas amosaron o excelente bloque competitivo do que dispoñen, cedendo por tan só tres puntos o triunfo ó conxunto do Universidad de León. Terceiras serían as gimnásticas ocupando o cuarto lugar a Image FDR.

Por parte das galegas os triunfos corresponderían a Alice Marie Genevieive (AFC) nos 3.000 m., Alicia Merino (AFC) nos 100 v, Eva Queimaño (AFC) nos 400 v., Eva Arias (SGP) nos 3000 Obs., Andrea Reija (AFC) en altura, Bea Viteri (AFC) en pértega, Olaia Guisela Becerril (AFC) en lonxitude, Paula Piñón (AFC) en disco, Irene Gómez (AFC) en martelo, Andrea González (SGP) en xavelina, Mar Chillón (AFC) nos 5.000 mcha., equipo dos 4×100 da Sociedad Gimnástica e 4×400 do A.Femenino Celta.

Por último, no encontro masculino disputado o domingo en Balaidos, o Real Club Celta foi quen de acadar un moi bo resultado que acabaría dominando o equipo extremeño do CAPEX correspondendo o segundo lugar para os vigueses que venceron ó Universidad de Oviedo descendido o ano pasado de Honra.  O equipo do Narón, como era previsible, non tivo opcións de poder evitar o cuarto posto nun encontro moi difícil para os azulóns, os cales terán que agardar ó resto de xornadas para intentar cumplir o seu principal reto que non é outro que o de manter a categoría un ano máis.

Os triunfos para os galegos virían da man de Miguel Cajaraville (RCC) en pértega, Alberto Elena (RCC) en lonxitude, Alexander Barreiro (CAN) en triplo, Nicolás García (RCC) en disco, Yago Araujo (RCC) en martelo, Iago Pazos (CAN) en xavelina e José Fernández (RCC) en marcha.

Excelentes resultados individuais

A maiores, esta primeira xornada de liga deixaría excelentes rexistros como o protagonizado por Raquel Meaños do Valencia Esports quen sobre a proba dos 800 m. establecería un rexistro de  2:06.62 o que representa un novo récord galego Sub20 e a mínima de participación para os europeos da súa categoría. Irene Gómez do A.F. Celta volvería lanzar o martelo de 4 kg. ata os 57.41 m. o que tamén representa un novo récord galego Sub18 e Sub20.

Excelentes tamén as actuacións de Mauro Triana do Playas de Castellón quen marcaría un rexistro sobre os 200 m. de 21.23, Paula Ferreiros do Ría Ferrol nos 400 m. con 55.39, Leticia Gil do Scorpio71 en lonxitude con 6.11 m.e Antía Chamosa do Valladolid nos 5.000 marcha con 24:22.37. A astuariana con ficha galega Carmen Sánchez do Unicaja Jaén, mandaría a xavelina ata uns interesantes 50.53 m. 

Para rematar, salientar a importante reaparición logo da súa lesión, da nosa mundialista Belén Toimil do Playas de Castellón, quen lanzaría ata os 14.89 m. no concurso de peso.

Foto: Facebokk da SGP (autor Luis Tojal)

Resultados de liga

Compartir: