Resultados

Mayobre, Serrat e ADAS Proinor dominaron o autonómico de campo a través

Fantástico campionato de campo a través o presenciado no día de hoxe no fermoso circuíto de O Lago de As Pontes ca disputa do autonómico absoluto, Sub23 e Sub20 da especialidade.

Sobre un circuíto esixente ó máis puro estilo do cros tradicional,  arrincaría esta nova edición ca saída as 10:30 h. das atletas da categoría Sub20. Nesta primeira carreira, e sobre unha distancia de 5.000 m.,  o protagonismo correspondería á lucense Sara López quen se proclamaría claramente campioa galega seguida pola internacional ferrolana Lucía Sicre a 24 segundos sendo a terceira posición para Patricie Videl do Club Atletismo Santiago. Por clubs o triunfo iría parar ó A.F. Celta seguido do C.A. Santiago ocupando o terceiro lugar o Comesaña S.C.

A seguinte proba sería a Sub20 masculina, que sairía a continuación sobre unha distancia de 7.000 m. Neste caso sería Jorge González do C.D. San Paio A Estrada quen se proclamaría campión galego ocupando o segundo lugar Bilal Dahmouni da A. Lucense a catorce segundos do vencedor. O bronce individual sería para Diego Alonso do Club Atletismo Santiago, entidade esta quen pola súa banda acadaría o título galego por clubs.

Na categoría Sub23 feminina Iría Rodríguez da S.Gimnásatica foi a máis rápida en completar os 9 km. chegando a preto de medio minuto Laura Santos do Lucus Caixa Rural Galega na segunda posición. O bronce correspondería a Inés Bereijo do RÍA Ferrol.  Si esto acontecía nas mulleres, nos homes foi Fernando Rial do Real Club Celta quen lograría o título autonómico logo de sacar preto de medio minuto ó segundo clasificado Vicente Suárez da Gimnástica, e 42 segundos a Iván Puentes do C.A. Fene medalla de bronce.

Por último e na categoría absoluta, os títulos desta edición irían parar tanto a Paula Mayobre do Clínicas Dental Seoane Pampín como a Antonio Serrat do Miller Running Club, logrando deste xeito a de Ares repetir triunfo como xa o fixera no ano 2016. Pola súa banda Serrat, que viña de ser bronce na edición do ano pasado, inscribe o seu nome por vez primeira no palmarés deste campionato xunto ós míticos de Carlos Pérez, Alvarez Salgado ou Alejandro Gómez entre outros.

Os campións estarían acompañados nas medallas por Manuel Hurtado quen tería que ceder o título logrado o ano pasado en Ribadavia e por Iván Roade do ADAS Proinor. Na categoría feminina postos de honra de igual modo, e como xa fixera o ano pasado, para Sandra Mosquera do ADAS Proinor quen chegaría a seis segundos da gañadora, sendo a xa citada atleta Sub23 Iria Rodríguez, quen lograse tamén o bronce absoluto.

Por equipos protagonismo un ano máis para o ADAS Proinor quen repite o doble triunfo en ambas categorías que conseguira o ano pasado, amosando a súa fortaleza nesta especialidade. O resto de trofeos corresponderían ó Verxel Nutrición e Club Atletismo Sar, prata e bronce femininas, así como ó Miler Runing Club e Lucus Caixa Rural Galega na masculina.

Resultados

Compartir: