ADAS-Proinor, El Nabaoui e Rivera protagonistas no nacional de Campo a Través

Foron moitos os equipos que esta fin de semana se deron cita en Gijón para tomar parte no Campionato de España de Clubs de Campo a Través que precede a esa gran cita correspondente ó nacional que se desenvolverá o vindeiro día 11 de marzo en Mérida.

A esta cita acudiron un importante número de equipos na que sen lugar a dúbidas o máis salientable sería ese podio colleitado polas integrantes do ADAS-Proinor quen no cros curto tantos e tan bos éxitos están a aportar a entidade que dirixe Tinín González. As de O Barco terían en Leti Fernández-nun excelente estado de forma- a súa mellor atleta, ó entrar na línea de meta nunha formidable cuarta posición. Xunto ela estarían na novena posición unha non menos formidable Sandra Mosquera, 19ª Joana Filipa Pereira, 61ª Iria Fernández e 131ª Barca Toba.

No resto de actuacións salientar os posto de finalistas dos equipos masculinos do Ourense Atletismo e da  Escola Atlética Lucense quintos e oitavos respectivamente na categoría Sub-18 e na que o mellor atleta lucense sería David Gómez no posto 44º.

Xa a título individual de novo El Medhi El Nabaoui, que apunta con paso moi firme a metas importantes, firmaría unha excelente proba acadando o triunfo da súa categoría Sub-18 e na que o seu club quedaría no décimo sexto lugar. Nesta mesma categoría quinta posición para Diego Alonso do Club Atletismo Santiago. Outro dos protagonistas sería o atleta Sub-16 do Ourense Atletismo Martín Rivera quen se proclamaría vencedor da súa proba nunha chegada moi emocioante. Tariku Novales do Playas de Castellón pola súa banda, entraría nunha notoria oitava posición na categoría Sub-23.

Resultados Campionato de España

Actuación Galega Gijón 2018

Compartir: