Resultados

Regresa a Maratón Atlántica coincidindo novamente co Campionato Galego

Este outono regresará a Maratón Atlántica C42 á cidade tras unha ausencia de máis de tres anos. O 2 de outubro celebrarase esta proba de gran tradición, que está considerada unha das mellores do territorio nacional e que este ano será competición de maratón individual e de clubs. Hoxe presentouse a nova edición, que aspira a consolidar a categoría da carreira e atraer cada vez a máis atletas de gran nivel nacional e internacional.

No acto estivo presente a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. Tras o último maratón, celebrado en abril do 2019, a proba estréase no outono co obxectivo de atraer un maior número de corredores e corredoras ao resultar unha data máis propicia pola climatoloxía para afrontar a carreira.

O percorrido desta edición evolucionou con respecto ás anteriores, atravesando zonas máis planas e céntricas da cidade e procurando non só o rendemento deportivo, senón tamén a visibilidade da Coruña e os seus principais lugares de interese.

O prazo de inscrición ordinario na web www.carreirasgalegas.com está aberto ata o domingo 18 de setembro ás 23.59 horas e o extraordinario, desde o luns 19 de setembro ao domingo 25 dese mes, unha semana antes da carreira, tamén ás 23.59 horas.

Percorrido e actividades paralelas

O percorrido contará con abundantes rectas e xiros naturais en glorietas. A saída estará na Marina e a meta na praza de María Pita. A carreira desenvolverase en tres voltas. A primeira percorrerá a cidade pola zona dos peiraos, utilizando parcialmente o percorrido do Camiño Inglés que atravesa a urbe. A terceira e última volta desenvolverase pola zona do Paseo Marítimo, chegando ás inmediacións da Torre de Hércules. Esta terceira volta coincide co percorrido da carreira 10 K que se celebrará de xeito paralelo ao maratón, sen interferir en ningún momento os participantes de ambas as disciplinas.

O maratón percorrerá nos seus últimos metros emblemáticas rúas peonís da cidade como a rúa Real ou Rego de Auga, antes de chegar a María Pita. A disposición do circuíto facilitará un amplo seguimento por parte dos espectadores e espectadoras.

Os días previos, 30 de setembro e 1 de outubro, volverá abrirse ao público a Exporunning, unha feira do corredor que terá a súa sede en Palexco e onde, ademais de recoller os seus dorsais e bolsa do corredor, os participantes poderán descubrir as principais novidades sobre este deporte, material deportivo ou nutrición. Ademais, volverá realizarse un ciclo de conferencias sobre diferentes temas de interese relacionados co deporte, a psicoloxía ou a fisioterapia. Os corredores poderán gozar da Pasta Party, no propio Palexco, onde se ofrecerá un buffet de pasta.

O sábado previo á proba haberá un ‘Breakfast Run’ solidario e a continuación disputaranse as carreiras de menores.

Streaming da presentación

Compartir: