Resultados Galicia – Nacional Absoluto Aire Libre

Presenza destacada de internacionais no Campionato Xunta de Galicia Sub23

Axenda condensada esta fin de semana de competicións oficiais na que as pistas pontevedresas do CGTD de Pontevedra acollerán un importante e interesante Campionato de Xunta de Galicia Sub23 individual e de combinadas con importante presenza de atletas internacionais.

Entre a relación dos preto de 175 inscritos e inscritas salienta a presenza da campioa de España de Pista Cuberta en pentathlon deste ano (e bronce en Nerja 2021 AL)  Eva Queimaño do Super Amara BAT quen figura inscrita nas probas de altura, peso, lonxitude e 100 valos.

No foso de saltos contaremos ca presenza do subcampión nacional indoor en Valencia Alexandre Barreiro do Lugo Running quen estará no triplo e de Sergio Coello do Real Club Celta quen fará o propio sobre a lonxitude.

Nos concursos femininos especial atención a presenza das atletas internacionais Irene Gómez do Valencia Atletismo, na procura dos 60 m. en martelo, e de Olaia Guisela Becerreil do Playas de Castellón, quen de volta do seu curso académico nos EEUU veremos novamente sobre o foso de lonxitude.

O subcampión de España dos 400 m. do ano pasado Jacobo Soler do Rías Baixas pelexará por facerse cos títulos tanto dos 200 m. como na dos 400 m. ao igual que o  internacional Elian Numa López do Coruña Comarca, que volve logo da súa lesión a tomar parte nuns campionatos sobre os 1.500 m.

Compartir: