Comezou a Liga sen grandes sorpresas para os equipos galegos

Daba comezo esta fin de semana o Campionato Nacional de Liga en División de Honra e Primeira División na que tomaron parte na defensa dos seus intereses un total de cinco equipos galegos.

División de Honra

Para comezar tanto Ría Ferrol como Sociedad Gimnástica de Pontevedra  na máxima categoría do atletismo estatal, lograron o primeiro e máis fundamental obxectivo que pasaba por evitar o cuarto e último posto nos seus respectivos compromisos. Os conxuntos galegos cumpriron logrando ambos unha terceira posición que lles abre o paso, neste primeiro asalto, a lograr o máximo obxectivo que non é outro que o de lograr a permanencia un ano máis na División de Honra.

Por parte do Ria Ferrol lograron primeiros postos a catalana Irene Bonafonte nos 800 m. e a ibicenca Marina Bagur nos 3.000 obstáculos nun encontro moi sufrido e agónico domiñado polos equipos vascos e na que tan só os mellores postos fixeron que as ferrolás lograran o triunfo final sobre o Super Amara Bat co que empataba a puntos.

Pola súa contra o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra clasificábase no terceiro lugar tras o Atletismo Numantino e Real Sociedad superando ao equipo madrileño do A.D.Marathon. Lograban o triunfo parcial para os pontevedreses o catalán Oriol Madi nos 100 m. e o subcampión mundial asturiano Iñaki Canal nos 400 m. Mención aparte teñen as victorias dun fantástico Carlos Porto sobre os 3.000 m. e a do internacional Dani Chamosa quen de igual modo lograba un contundente triunfo nos 5.000 marcha.

Primeira División

Na primeira división cara e cruz para os interese célticos xa que si os homes lograban un primeiro posto no seu compromiso, as mulleres non podían evitar ocupar o cuarto lugar no encontro disputado no CGTD de Pontevedra e na que o equipo da Gimnástica de Pontevedra precisamente, lograba o terceiro lugar tras o Marathon A.D. e Oviedo Atletismo.

Os triunfos galegos neste encontro para as viguesas foron os de Ainhoa Repáraz nos 100 m., Lucía Sánchez nos 200 m; María Carballido nos 800 m.; Lisa Vosberg en pértega; Uxía Paz en triplo e Paula Piñón en xavelina. Por parte da Sociedad Gimnástica foron a internacional Antía Chamosa en marcha, Eugenia Gil nos 400 m. e as relevistas dos 4×400 m. quenes lograban a máxima puntuación para as do Lérez.

Xa no domingo e por terras sorianas, fantástico comezo para os rapaces do Real Club Celta quen continuando co bo nivel amosado o ano pasado, lograban un importante e traballado primeiro posto nun encontro onde os triunfos parciais viñeron da man  Pedro Juncal nos 400 m. cun excelente rexistro de 47.51; Pedro Vázquez nos 1.500 m.; Iago Núñez nos 110 valos; Juan Piñeiro en lonxitude; Yago Araujo no martelo, e os relevistas dos 4×100 m.

A próxima cita para o clubs galegos será o vindeiro día 14 de maio

Clasificación xeral logo da primeira xornada

  • División de Honra Feminina: 12º Ría Ferrol
  • División de Honra Masculina: 11º Sociedad Gimnástica
  • 1ª División Feminina: 11ª Sociedad Gimnástica e 13ª A.F.Celta
  • 1ª División Masculina: 4º R.Club Celta

Compartir: