Resultados

A Coruña10 recupera a normalidade

Este domingo a partir das 10.00 horas darase a saída á décimo sexta edición de Coruña10, e na que tomarán parte practicamente 3.000 inscritos e inscritas.

A sexta mellor carreira 10K de España, segundo a Real Federación Española de Atletismo ( RFEA), mantén un importante número de inscripcións que a converten nunha das máis numerosasa de cantas se desenvolven na nosa Comunidade. Este ano por fin a normalidade estará presente en todo o percorrido logo das restricións do ano pasado que obrigou entre outras, a limitar o número de inscritos e inscritas ata os 1.400.

Como mostra da normalidade regresarán nesta edición as probas de menores sobre distancias que oscilan entre os 150 metros para os máis cativos ata os 2500 m. para os Sub18.

Cartel Importante

Entre a presenza destacada de atletas incritos salienta  a participación do fondista olímpicoJavier Guerra quen xa no ano 2013, proclamábase campión de España de marathon na edición desenvolta na Coruña paralelamente a C42. Ten o récord da proba herculina, sendo segundo en C21 no 2014. Este domingo afrontará o reto de sumar á menor das tres grandes do calendario da cidade ao seu curriculo de competicións.

Xunto a el tomarán parte importantes atletas africanos entre os cales poderemos ver aos etiopes Melaku Birhan Aregu, Mohamed Yenework Husen, Dominick Kipkirui Bett así como ao keniata Kipyegon Nehemiah entre os homes e a Takele Chernet Misganaw (ETH) e Valentine Jebet (KEN) entre as mulleres

Ucraína na memoria de todas e todos

A décimo sexta edición da carreira contará cun circuíto preparado para mellorar marcas ao que se engadirá o seu carácter solidario, xa que recadará fondos para a asociación AGA- Ucraína. A camiseta conmemorativa, de cor azul luar para maiores e turquesa para menores, fai referencia ao país que foi invadido por Rusia.

De igual modo, e cando a carreira conclúa, a actividade física continuará con zumba. A empresa que xestiona o Complexo Deportivo Municipal de San Diego, Supera, collerá a substitución do atletismo ás 12:15 horas no Parrote desde o palco no que se entregarán os trofeos. Esa actividade extra recadará fondos para a ONG Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína).

Premiación a colexios

A carreira máis popular do atletismo coruñés facilita a inscrición gratuíta para os e as participantes menores de 18 anos. Ademais, recibirán unha camiseta de agasallo e, no caso da categoría Peques, unha medalla por participar. Os centros escolares teñen tamén a oportunidade de levar 500 euros en material deportivo grazas á colaboración de Decathlon. O cole que máis alumnado presente en Coruña10 obterá ese premio.

As distancias (aproximadas) serán de 100 metros para peques; pasará a 820 metros nas categorías sub-10 e sub-12; en sub-14 subirá a 1.420 metros e para sub-18 e sub-16, 2.335 metros. Estas probas celebraranse o domingo 24 de abril a partir das 11:35 horas.

Servizo de caixóns

Serán seis caixóns que se distribuirán segundo os dorsais asignados. As persoas participantes deberán estar no seu postos dez minutos antes do disparo oficial de saída. O caixón azul será para quen teña unha marca inferior a 36 minutos; o laranxa, para menos de 41 minutos; o amarelo, por baixo de 46 minutos; o rosa, para quen rexistrase un tempo inferior aos 51 minutos; o verde para menos dunha hora e o resto, utilizarán o vermello.

Compartir: