O atletismo Galego Sub18 viaxa a Valencia para disputar o seu nacional

Un total de 26 atletas son os que de maneira provisional figuran inscritos e inscritas no Campionato de España Sub18 que se vai desenvolver durante esta fin de semana no Palau Velódromo Lluis Puig de Valencia.

Entre este salientable número de participantes compre destacar a presenza da lucense Xela Martínez quen parte como indiscutible favorita para o título na proba dos 1.500 m. logo de que no recente Campionato Nacional Absoluto, lograra o récord de España Sub18 e Sub20 sobre esta mesma distancia.

A velocista do Val Miñor Ainhoa Repáraz será outra das atletas destacadas que tomen parte nesta cita e cuxo obxectivo será por unha banda defender o título nacional logrado o ano pasado e pola outra mellorar a súa actuación do absoluto en Ourense.

Enma Sihuang Pérez da Atlética Lucense, figura inscrita no concurso de altura ao que acude ca terceira mellor marca e con moitas posibilidades de  repetir o podio logrado no pasado campionato nacional de Barcelona.

A saltadora de pértega do Celta Lisa Vosberg – debutante nesta categoría- viaxa a terras levantinas nun excelente estado de forma que a sitúan de líder do ranking nacional. O ano pasado sendo Sub16, lograba o bronce en Oviedo, metal que intentará mellorar nesta edición. Seguindo nos concursos de saltos, atención a participación dun novo valor emerxente no sector de triplo na que Xoel Otero do A.A.Mazí, vai disposto a loitar directamente polos metais.

Outras das atletas a ter moi presente é Carlota Salgado a quen veremos tanto no concurso de altura como de combinadas. A atleta do Celta que recentemente estreaba internacionalidade efectuando a súa MMP, figura inscrita ca segunda mellor marca das participantes no concurso de combinadas.

Alicia Barreiro do Ría Ferrol e Fabián Vidal do Barbanza nos 400 m.; Ricardo Negrete do Ría Ferrol nos 800 m., Sergio Quintas do C.D. La Purísima nos 1.500 m., Daniel Cariñena do Millaraio na lonxitude e Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá en peso, son outros e outras das serias aspirantes a estar nos postos importantes deste campionato que poderemos seguir en directo a partir do sábado na seguinte ligazón (+)

Compartir: