Unha vintena de Sub23 acoden ao seu campionato nacional

Vinteún atletas galegos e galegas son os que están incritos para tomar parte no Campionato de España Sub23 de pista cuberta que se vai levar a cabo na vila castelá de Salamanca o vindeiro día 19 e 20 de febreiro

Dos participantes cabe salientar a presenza do atleta estradense, e campión galego absoluto nos 3.000 m. Mehdi El Naboaui, quen debuta nesta nova categoría logo de lograr o ano pasado o subcampionato nacional Sub20 sobre esta mesma distancia.

No foso de lonxitude estaremos moi pedentes do finalista do nacional do ano pasado Sergio Coello do Celta, que ben de saltar recente en Expourense ata uns salientables 7.29 m. que o conducen ata a terceira mellor marca dos inscritos.

Na categoría feminina tanto Raquel Meaños do Valencia Atletismo nos 800 m. como Eva Queimaño do Sumer Amara BAT en combinadas, serán as encargadas de liderar ás galegas. A medio fondista, que volve novamente a alta competición, acude a este nacional con moi boas sensacións logo do seu paso polo galego. Pola súa banda a discípula de David Gómez intentará estar no podio como xa o fixera no nacional do ano pasado en Valencia do que volvía co metal de bronce.

Nos 1.500 m. a atleta do ADAS Cupra María Cedrón, preséntase ca cuarta mellor marca das participantes de 4:29.96 o que a sitúan nos postos importantes de arrinque. Elena Costas do A.F. Celta pola súa banda, fará valer os seus 4:45.33 para pelexar por un posto na final.

Continuando co resto de probas, os 60 valos e a lonxitude terán nas atletas da Gimnástica Lucía Ferrer e Andrea Villaverde as galegas Sub23 máis en forma nestes intres. Atención no triplo salto na que outro valor emerxente da especialidade, Ariadna Gil do Vila de Cangas, podería acceder a un dos postos da final.

Para rematar estaremos moi pendentes das evolucións da finalista no nacional do ano pasado Cristina Garrido nos 60 m., así como a dos bronces absolutos no recente campionato galego María Carballido nos 800 m. e Victor Mosteiro nos 200 m.

Foto: Fotocarlosgrafias

Compartir: