A Coruña-10 abre as súas inscripcións

Novamente Federación Galega de Atletismo e Concello de A Coruña xuntarán esforzos para organizar o vindeiro domingo 3 de outubro a XIV Carreira Popular Coruña 10 logo dun ano de parón obrigado polas circunstancias sanitarias

A proba que forma parte do amplo calendario de probas atléticas desenvoltas na cidade (G.P. Internacional de Marcha Cantones; Coruña-10;  Coruña-21; Coruña-42 e Circuito de carreiras Populares Coruña-Corre) recupera con esta edición certa normalidade como xa se puido comprobar na disputa do Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña desenvolto o pasado día 5 de xuño.

Malia elo, as medidas de seguridade seguirán marcando a celebración desta proba o que obrigará, entre outras, a limitar o número de participantes ata o millar.

Outro dos aspectos salientables e novedosos nesta edición terá que ver co formato de saídas, que deixará de ter ese aspecto compacto tan característico para pasar a un sistema escalonado de dez en dez.

Os primeros grupos sairán as nove de mañán, percorrendo un circuito que tamén presenta variacións con respecto ás edicións anteriores e das cales iremos informando.

Desde a organización queremos lembrar que as normas e regulamentación desta proba estarán suxeitas aos cambios obrigados pola evolución da situación sanitaria

Compartir: