Resultados

Un Campionato galego absoluto de emocións e intensidades (II)

Faltan menos de tres días para o gran acontecemento atlético que a nivel autonómico xuntará ás mellores atletas galegas nas instalacións cubertas de Expourense este domingo a partir das 10.30 horas.

A nivel de resultados agárdanse un alto nivel de rexistros  xa que ao bo estado de forma individual que se veu demostrando ao longo deste inverno polos participantes, súmase a excelente calidade das pistas ourensás contrastadas desde a súa inauguración, e que tería o seu culmen o ano pasado coa celebración do Campionato de España absoluto.

Cabe citar que a Federación Galega de Atletismo para garantir un campionato con plenas garantías, afectuará un cribado de todos e todas as participantes o que poderá permitir o desenvolvemento das probas de medio fondo e fondo que ata o de agora se viñan desenvolvendo ao aire libre.

As probas femininas serán do máis interesantes e disputadas  

Cunha paridade total de participación en ambos sexos, 142 atletas galegas están incritas para tomar parte neste Campionato de Galicia no que o sector de velocidade contará cunha interesantísima disputa nos 60 m. entre Cristina Garrido da Gimnástica,  e a medallista de prata nos 100 e nos 200 dos paramundiais Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural, sen esquecernos de Andrea Pais e Ana Iglesias, todas elas por debaixo dos oito segundos.

Nos 200 m. e ca ausencia de Ainhoa Reparaz que se atopa no nacional Sub18, será novamente Andrea Pais do Celta, quen acuda ca mellor marca das participantes con 25.27.

Nos 400 agardase outra proba moi disputada entre a actual campioa galega absoluta, Eugenia Gil da Gimnástica quen acredita 57.44 e María Fernández Bouza do Riazor Coruña con 57.85.

Non menos interesante deixará de estar a proba dos 800 m. onde ao igual que acontecera nos nacionais de Antequera, haberá unha interesante disputa entre Carmen Victoria González da Atlética Lucense quen acude ca mellor marca de 2:16.56, polos 2:17.10 de Irene Barreiro do Ria Ferrol. María Carballido do Friol será outra das atletas a ter moi en conta nesta proba.

A internacional galesa do Marineda que compite sen dereito a medalla, Angharad Davies será xunto a Marta Casanova do ADAS Proinor as atletas a batir nos 1.500 m. sen esquecernos da presenza de atletas da talla de Sandra Mosquera do Comesaña.

Ao igual que na categoría masculina, os 3.000 m. femininos será outra das carreiras importantes do campionato. A internacional venezolana en duathlon Edymar Brea estará na línea de saída xunto á Sub16 Xela Martínez da Atlética Lucense quen ven de rebaixar xa por dúas veces o récord galego da súa categoría dos 1.000 m. neste ano. A internacional Uxía Pérez do Playas de Castellón será outra das internacionais que estará compitiendo sobre o sintético ourensá.

A ¨doutora¨ Teresa Rodríguez volve con forza aos 60 valos logo de rematar a súa etapa académica, cooliderando a proba ca viguesa Eva Queimaño con 8.99. Precisamente a internacional Sub23 especialista en combinadas, será un dos elementos de atención da xornada xa que tomará parte ademáis na proba de altura onde acude ca mellor marca das participantes, así como na defensa do título de lonxitude logrado o ano pasado. Tania Valverde do ADAS Proinor e Marta Barragáns da Gimnástica, poderían estar na loita directa polos postos de podio nesta modalidade.

Con Alba Cuns e Diaou Diallo no nacional Sub18 de Barcelona será novamente a propia Tania Valverde quen intente facer valer a diferencia de salto de 24 centímetros deste ano que ten sobre Ariadna Gil do Vila de Cangas.

Na pértega, a campioa galega absoluta de aire libre Lola Bouza do ADAS Proinor, será quen asuma a condición de favorita, sendo o concurso de lonxitude ante a ausencia de saltadoras destacadas, o máis aberto e menos definido dos últimos anos .

Por último o principal prato forte do campionato vai ser sen lugar a dúbidas o concurso de peso onde tomará parte a plusmarquista española, e recente finalista dos pasados Campionatos de Europa de Pista Cuberta Belén Toimil. A lanzadora galega acude nun estado de forma expectacular como así o demostran eses 18.64 m. que lle garante a súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokio.  En Ourense rodeada da súa xente e do seu público, intentará poñer o punto e final a esta sensacional tempada invernal da mellor maneira posible.

 

Compartir: