Interpretación da aplicación do Decreto 3/2021 e da orde do 13 de xaneiro ao deporte federado

Na data de onte publicouse o Decreto 3/2021, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e a orde Orde do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos cales se adoptan novas medidas preventivas do contaxio da COVID-19.

Con carácter xeral recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia, limitándose a mobilidade o máximo posible.

Neste senso, esta é a óptica ou criterio sobre os que ten que pivotar o desenvolvemento da actividade deportiva federada, nun momento de excepcionalidade e que a evolución da pandemia esixe ser extremadamente cauteloso e responsable.

Aínda con todo, o deporte federado nas normas citadas segue a estar dotado dun status propio, polo que a súa práctica segue a estar permitida debendo de axustarse ao disposto nos respectivos Protocolos aprobados segundo o modelo Fisicovid-Dxtgalego.

Non obstante, isto non implica que as excepcións nas limitacións impostas sexan totais senón que é preciso que se baseen en causas xustificadas.

Así con respecto as restricións de mobilidade de ou cara ás localidades con peches perimetrais mantense o mesmo criterio interpretativo que ata o de agora, considerándose situación xustificadas:

    • Quedan exceptuados de tales limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se realicen en cumprimento de obrigas laborais e profesionais, conforme o disposto na letra b) do número 3 do punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e na letra d) do número 1 do artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro.
    • Con relación a “Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada“, previsto na letra k) do número 3 do punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e na letra h) do número 1 do artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, considéranse xustificados os desprazamentos para a realización dun adestramento vinculado á participación nunha competición incluída no calendario oficial da correspondente federación deportiva e/ou pola participación nunha competición deste tipo. Neste suposto deberase de acreditar:
      •  Que non existan alternativas de realización do adestramento e/ou da celebración da competición nun ámbito territorial que exixa un desprazamento afectado polas limitacións á liberdade de circulación vixentes.
      • Que o desprazamento se realice por algunha ou algunhas das seguintes persoas:
        • Por persoas deportistas federadas de alto nivel, de alto rendemento deportivo ou incluídas en programas de tecnificación e rendemento deportivo, recoñecidas polo Consejo Superior de Deportes ou pola Secretaría Xeral para o Deporte.
        • Por  outras persoas deportistas federadas, respecto de competicións de ámbito estatal ou de ámbito autonómico non profesional cun calendario aprobado para a tempada 2020/2021.
        • As persoas técnicas  ou adestradoras das persoas deportistas incluídas nos apartados anteriores.
        • Que a persoa que se desprace porte, durante o desprazamento, un certificado da correspondente federación ou club deportivo federado onde se certifique a condición do/a deportista e a causa da exención ás restricións de mobilidade.

Con respecto ao cumprimento á limitación da mobilidade nocturna entre as 22:00 h e as 06:00h, como regra xeral e en atención á situación epidemiolóxica actual esta hora debe de respetarse, polo que os adestramentos e competicións deben de rematar un pouco antes das 22:00 h, permitíndose o desprazamento con posterioridade para o regreso ao domicilio habitual.

Compartir: