Resultados

A Federación Galega colabora nun proxecto de inclusión

O atleta lucense Alejandro Núñez está a tomar parte nun programa de becas co nome “Persigue tus sueños” coa finalidade de crear un grupo de atletas na cidade de Lugo orientado a persoas de colectivos que se atopan nunha situación de risco e/ou exclusión social.

“Na actualidade estou participando nun programa de becas da marca “Where Is The Limit?”. A idea deste programa de becas ocórreselle a Antonio Gassó, ex CEO de Gaes e actual CEO de WITL, comezando no 2011  co nome “Persigue tus sueños”. (https://witl.es/becas-witl/) e onde os dez proxectos máis votados poderán acudir á fase final na que un xurado elixirá a un ou varios proxectos gañadores”, matizando nestes intres que  “Atópome no sexto lugar, coa idea de conseguir maior número de votos e subir postos na clasificación”

Este interesante proxecto que contará coa colaboración e involucración da Federación Galega de Atletismo, basease en crear un grupo de adestramento de atletismo con persoas de colectivos que se encontran nunha situación de  risco e/ou exclusión social na cidade de Lugo, coa finalidade de poder correr unha media maratón a finais de 2020, tal e como se recolle no citado proxecto. 

Alejandro Núñez, que conta cunha amplia bagaxe no atletismo galego,  explícarianos que  “A idea do proxecto xorde cando realizo o Grado en Traballo Social na Universidade de Santiago de Compostela e compatibilizo os meus adestramentos de atletismo. Posteriormente por motivos laborais e falta de financiación, non puiden levalo a cabo”. Sinala como obxectivos principais do mesmo Axudar ás persoas a adquirir hábitos saudables e habilidades sociais. Así mesmo, traballaranse obxectivos máis pequenos a través de ferramentas do Coaching Deportivo e da Inclusión Social, pudendo adestrar con outras persoas, deportistas e equipos da cidade”

O lucense aclara que “A axuda económica sería para dotar do material deportivo (calzado, roupa, material de adestramento, etc), inscrición da carreira e o viaxe. Miña función como coordinador do proxecto é preparalos mental e fisicamente, facer que desfruten do tempo libre e de ocio saudable, ademais de adestrar e competir con eles/as. Considero ademáis que é unha forma de que o atletismo estea máis presente na cidade. Creo que a axuda da Federación Galega de Atletismo é importante para visualizar estas iniciativas e potenciar o deporte a tódolos niveis. As carreiras populares cada vez están gañando máis protagonismo e este tipo de proxectos axudan a potencialo. De igual modo pode que nun futuro algunha destas persoas poida chegar o atletismo federado. Moitas veces por falta de recursos algunhas persoas adestran soas e por falta de coñecementos adestran de maneira menos eficaz”.

O Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Jesús Vázquez destacou que “Parécenos unha gran acción que terá a colaboración da Federación Galega. Consideramos a esta iniciativa -que intenta chegar dun xeito progresivo e inclusivo a toda a sociedade, a través do deporte en xeral e do atletismo en particular-  un elemento integrador, de cohesión e de crecemento da sociedade moi importante. O noso recoñecemento e felicitación a Alejandro Núñez, á vez que pedimos a todo o tecido atlético e á sociedade que vote para lograr a mellor posición posible”.

No seguinte enlace está o proxecto explicado e para poder votalo: https://witl.es/becas-witl/correr-x-un-sueno/ 

Compartir: