Citas cas/os Máster e ca montaña

Fin de semana de montaña e atletismo Máster o que nos deixará o calendario oficial de competicións no tocante ó desenvolvemento de campionatos de Galicia.

Comezando co primeiro deles, un ano máis o Concello de Esgos acolle o XIII Campionato de Galicia de Montaña xunto a súa xa clásica Subida Rocas – O Eirado.

A esta cita acuden preto dun cento de atletas entre os que destacan a presencia dos vixentes campións de Galicia, María Soledad Castro do Comesaña e a de Antonio Teijido do Verxel Nutrición, quenes intentarán revalidar sobre o trazado montañés o título autonómico acadado o ano pasado.

Xunto eles tamén contaremos ca participación dos actuais campións galegos nalgunhas das múltiples categorías como é o caso de José Mira Fernández do Burgas Ourense, Álvaro Suárez do Corredores do Miño ou a de Daniel González do A.D. Limiactivia.

XXXIII Campionato de Galicia Máster

Por outra banda sobre as pistas do INEF de Bastiagueiro competirán os preto de 600 atletas que tomarán parte no Campionato de Galicia Máster logo de terse solventado as múltiples adversidades para a súa ubicación e celebración.

Sobre o tartán oleirense estarán competindo algúns e algunhas dos/as atletas galegos máis destacados do panorama nacional e internacional ca presenza tanto de plusmarquistas, como de medallistas das últimas citas europeas e mundiais.

Entre eles poderemos ver ós medallistas de bronce do Campionato de Europa de inverno do ano pasado en Madrid, Miguel Gómez do R.C. Celta quen competirá nos 100 m. e 200 m., Basi Bernárdez de A Silva quen tomará parte nos concursos de lonxitude e triplo e Ramón Serantes do Marineda quen fará o propio sobre os 800 m.

A múltiple campioa mundial e europea Esther Pedrosa, estará na liña de saída tanto dos 800 m. como na dos 1.500 m. proba esta última na que estará acompañada por Teresa Castro do Atletismo Noia recente bronce no mundial de inverno de Polonia. Francisco Javier Guzmán da Gimnástica e campión de Europa e medalla de bronce no europeo de Madrid, estará lanzando sobre o círculo de peso e disco.

Outra actuación importante será a do plusmarquista mundial e campión europeo de inverno sobre 1.500 m. José Vicente Rioseco do Egovarros quen tomará parte nos 800 m. Por último o bronce en relevos nos europeos de Madrid, Jose Santamaría do Barbanza, sairá en 100 m. e 200 m..

Campionato de Galicia Máster 2019

Campionato de Galicia de Montaña 2019

 

 

 

Compartir: