Protagonismo para os Sub16 e Máster nos seus autonómicos

De novo a Pista Cuberta de Ourense presenciará durante esta fin de semana unha intensa actividade atlética co desenvolvemento dos Campionatos de Galicia Sub16 e Máster.

Momento para os Sub16

Á cita Sub16 acuden preto de 350 atletas, algúns dos/as cales atópanse nos postos importantes do ránking nacional das súas categorías como é o caso dos valos. Nesta especialidade, cuxo medre nos últimos anos está a ser importantísimo, tomarán parte Luan Henrique do ADAS Proinor, quen acude cun rexistro de 8.79. Nesta mesma distancia tamén veremos tomar parte a David Vicente do A. Rías Baixas quen con 8.96 estará na loita polo título autonómico.

Xa na categoría feminina importante presenza de Lucía Sánchez del Valle do Franciscanos de Lugo quen parte como favorita nos valos con 9.13. Esta mesma atleta protagonizará xunto a súa compañeira de club, Enma Sihuang Pérez, un dos momentos máis emocionantes do campionato con esa loita tan igualada que sobre o listón de altura presenciaremos, e a que ambas acuden co mesmo rexistro de 1.61 m.

Carolina Santos do Ourense Atletismo, sairá nos 1.000 m. ca condición de clara favorita na procura dunha mellora da súa marca de 3:03.99, o mesmo que no concurso de triplo farano a plusmarquistas galega da disciplina o pasado día 20 de xaneiro con 11.72 m. Alba Cuns do Atletismo Negreira. Nesta mesma proba tamén saltará Diaou Diallo do Ría Ferrol quen intentará mellorar os seus 10.83 m.

Importante número récord de inscritos Máster

Sen apenas tempo de recuperar da xornada do sábado, o domingo abrirá a disputa do Campionato de Galicia Máster no que preto de 700 atletas serán os que se den cita na cidade das Burgas.

Entre a relación de participantes, tomarán parte varias/os das distintas medallistas do pasado Campionato de Europa Máster de pista cuberta, entre os que se atopa o bronce continental Miguel Gómez do Real Club Celta quen tomará a saída sobre os 200 m.

Nos 60 m.valos contaremos cos campións de Europa Máster Miguel López do Marineda e Emma Valencia do Atletismo Femenino Celta.

A tri-campioa europea dos 1.500 m., 3.000 m. e campo a través Esther Pedrosa, será un dos principais focos de atención do campionato tomando a saída sobre os 1.500 m. Javier Toro do Verxel Nutrición,  probará sobre os 3.000 m.

Dous campións continentais estarán lanzando sobre o círculo de peso, Emilia Mesa do Ourense Atletismo e Francisco Gúzman da Gimnástica.

Por último na marcha, que volve de novo a uns campionatos de pista cuberta máster, terá en José Fernández do R.C.Celta nos 3000 m., ó seu dobre medallista de bronce europeo.

Campionato de Galicia Sub16 en Pista Cuberta 2019

Campionato de Galicia Máster en Pista Cuberta 2019

Compartir: