O Atletismo galego saca músculo en Getafe

Un total de nove medallas (3 ouros, 3 pratas e 3 bronces), tres récords de Galicia e doce postos de finalista, sería o balance total acadado polos nosos atletas no transcurso do Campionato de España de Atletismo que se disputou durante esta fin de semana en Getafe.

As medallas acadadas no día de onte de Lidia Parada en xavelina, Belén Toimil en peso e Leticia Gil en lonxitude, sumaríanselle hoxe seis metais máis.

Para dar comezo, como de fantástico teriamos que calificar os concursos levados a cabo polos nosos dous mellores saltadores horizontais do momento. Ana Peleteiro en triplo segue a facer historia ó lograr no día de hoxe impoñerse cun salto de 14.55 m. o que representa un novo récord galego absoluto e sobre todo unha importante tarxeta de presentación de cara aos europeos de Berlín. Continuando no foso de lonxitude Jean Marie Okutu pasaría un centímetro da barreira dos oito metros que lle servirían para lograr o seu sexto título nacional e un billete directo para tomar parte na gran cita europea do mes de agosto. Destacado concurso de Ruth Ndoumbe quen sobre a proba de triplo ramataría cuarta con 13.42 m.

Esther Navarrete confirmaría os pronósticos e acadaría a medalla de prata nos 5.000 m. con 16:13.84 nunha proba na que como nela é costume pelexaría ata o remate. Paula Mayobre asinaría unha importante cuarta posición con 16:23.69 a catro segundos do bronce.

Nos 1.500 m. teríamos dúas medallas de bronce a cargo dos internacionais Adrián Ben e Solange Pereira. O lucense nunha fantástica progresión sobre a distancia, pelexaría o indeceible para establecer un rexistro de 3:40.09 que lle servirían para sumar un meritorio bronce nesta emblemática proba do medio fondo . Mesmo metal para a nosa mundialista quen cedería tan só ante Marta Pérez e Esther Guerrero marcando ó remate un tempo de 4:16.30.

Nos 200 m. un colosal  Mauro Triana marcaría tanto nas series semifinais como na final, na que quedaría cuarto,  un rexistro de 20.93 que supoñen un novo récord galego absoluto, converténdose no primeiro galego en baixar da barreira dos vinteún.

Non menos destacado sería o concurso de Irene Gómez do Celta, codeándose cas máis grandes en martelo e rematando sexta con 53.86 m. Raquel Meaños e Eva Queimaño do Celta serían outra das atletas que ocuparían posición de finalista ó rematar sétimas a primeira sobre os 800 m. con 2:11.20 e a segunda nas combinadas con 4.472 puntos.

Por último, salientamos o cuarto posto do equipo dos 4×400 masculinos da Gimnástica de Pontevedra con 3:14.05

Actuación das/os galegas/os

Compartir: