Resultados

Irene Gómez Costas protagonista do Autonómico de lanzamentos

De novo o CGTD de Pontevedra vería como as súas instalacións eran as escollidas para a disputa do VII Campionato de Galicia Absoluto de Inverno que ademáis será a primeira edición do Autonómico Sub-20 de lanzamentos longos.

Como era de agardar excelentes novas da lanzadora Irene Gómez  Costas quen parece non ter límites na súa progresión. A xoven promesa dos lanzamentos chegaría ata os 50,31 m. no seu terceiro intento (45,91/48,41/50,31/49,53/48,66/X) establecendo un novo récord galego Sub-18 e Sub-20 e continuando co seu importante medre que a levan a encabezar o ránking nacional.

Na xavelina, interesante duelo o mantido entre Ivanna Carolina Román do RIA e Andrea González da Gimnástica no concurso de xavelina con triunfo para a coruñesa con 39,67 m. polos 39,26 da pontevedresa.

Destacados 35,64 m. da atleta do AVA Cristina Freire quen no concurso de disco sube directa ó terceiro posto do ranking nacional. Un posto máis abaixo dese mesmo ranking para Jaime Arias do Riazor Coruña con 49,17 m. na proba de xavelina Sub-20.

Nacho Fernández do Celta dominaría o martelo con 58,45 m. tendo especial interés o concurso de disco ca participación do catro veces olímpico Frank Casañas quen gañaría con 59,38 m. correspondendo o triunfo na categoría M-50 para o tamén triolímpico David Martínez do A.Narón con 44,39 m.

Compartir: